Cando escribo son egua encabuxada,
vagabunda, ermitana e andoriña bulideira,
veludo esfarrapado e po sen varrer,
onda furiosa de mar embravecido,
deusa dun territorio inexplorado, só meu.
Cando escribo, reinvento o mundo ao meu antollo,
porque quero, porque podo,
e porque son poderosa no meu curruncho imaxinario,
e case sempre choro un chisco, mentres río
nese río a cachón que é a palabra posta ao tendal.
alimentan con migallas de pan sen codia,
desexos, angustias, cinsas doutras vidas,
refugallos, nostalxias, quimeras,
miserias que outros sacian cun grolo de auga fresca.
Podería ser navío, mais fáltame o compás.
son bolboreta fráxil, fráxil, fráxil,
fáltanme aloumiños, bicos, arrolos,
e mastigo versos para mitigar a fame.
O meu espazo creativo é un tren en movemento,
un espazo de silencios e sombras coa roupa ao tendal.
O silencio é un espazo en si mesmo, evocador de imaxes multiformes,
fantasías alegóricas ou realidades ambiguas.
Nese espazo de luces e tebras, a muller inquieta que arde en min,
remexe, mestura, amasa e transmuta a materia imaxinaria
en materia sensible, coa ilusión de sementar soños no papel.
O meu espazo creativo é un leito de silencios bulideiros
que basculan no tempo, na busca de aventuras emocionais,
de sensacións evocadoras, de recendos, de cores…, atopando ás veces
un camiño poboado de lúas, que orientan os meus pasos de moinante,
e outras, pedras que impiden o meu avance nun mundo hostil poboado de ruídos.
O meu espazo creativo é unha gabeta onde transformo soños en poemas,
nostalxias en novelas, ideas en artigos, desexos en soliloquios
que declaman piratas tolos, na procura de tesouros
agachados nun mar de letras irreverentes.
nun océano sen fin, un bico saíndo da miña xanela cara á túa,
acubillado nun berce de palabras que debuxan reviravoltas no aire,
reflectíndose nos teus ollos, espíndome cando me les.
Se o meu espazo non fose silencio, senón melodía, sería quen de falarche
dos non-espazos que me deron azos para escribir,
amosaríache o estoxo onde agocho os segredos que me perturban,
mais neste páramo de soidade só estamos ti mais eu,
gorecidos nun leito de margaridas, nese non-espazo de sombras
que proxecta a nosa roupa ao tendal.
Escribo para vivir as vidas doutros, condicionada pola miña ollada
de formiga traballadora e honesta.
Non hai horas, nin ruídos, só silencio, soidade e desesperanza.
O celme das miñas historias, nace, medra, nútrese e morre no real.
Pouco camiño queda para a fantasía, aínda que son soñadora
de ollos aleutos ao que acontece, ao que esmorece.
Nada remata en min, nin as miñas historias.
Todo comeza comigo, ata o final do camiño, que nunca remata,
que nunca está en min, senón en ti que me les,
que me esgotas, que me espremes como zume de laranxa.
Ao garete deixo que me leven as ondas dese mar que iluminan peixes fosforescentes.
Candeas sen destino, luces acesas, camiños sen pasos nin pegadas.
E mentres escribo, navego enriba da mesma onda, construíndo unha onda nova,
que conserva a esencia da primeira, mais xa é outra, máis elaborada na súa forma,
no seu recendo, e lévame á fin do mundo, á fin da páxina, á fin de min, contigo.
Celosa gardo a miña obra nunha saqueta vella.
Non comparto dúbidas, sobresaltos, medos.
Tírome ao baleiro sen paracaídas. Que ninguén diga que son covarde.
Non sei nadar e non levo salvavidas.
Quizais me salves ti, coa túa ollada crítica.
No meu estado natural de perenne soñadora, soño historias, durmo historias,
mastigo historias, peneiro historias, gozo e sufro historias,
e moitas veces fago o amor coas historias que medran no meu maxín,
sobre todo cando ninguén peta na miña porta
e as sabas dos libros que imaxino recenden a humidade e a friaxe.
Nenhum comentário:
Postar um comentário