quarta-feira, 17 de dezembro de 2008

A madalena de Prus


Algúns autores afirman que cando escriben séntense no centro mesmo do mundo, outros pola contra din atoparse nun lugar afastado e solitario.

Ti cando escribes onde e como te sintes?

A min non me acontecen cousas tan fascinantes, xa me gustaría. As esceas das miñas novelas aparécenseme coma no cinema, polo que, cando escribo, teño a sensación de estar nunha rodaxe sobre a que debo facer unha crónica.

Como é lugar onde escribes?

Ata que naceu o meu segundo fillo tiña unha habitación de meu, con ordenador, biblioteca feita a medida e un sofá vermello pequecho e comodísimo para ler. Agora escribo nun curruncho da sala amoblado polos suecos. De todos os xeitos, é habitual que escriba na cociña, un lugar no que me afixen a traballar porque na casa materna éramos cinco fillos.

En que condicións escribes? (horario, música)

Érgome ás seis da mañá, tomo dous ou tres cafés naturais e me sento ata que se erguen os pícaros, a iso das 8.00 horas. O normal é que empece a escribir escoitando as noticias na Radio Galega e que logo siga con algunha escolma feita na internet, veño de descubrir a Antònia Font. Estou afeito a escribir no Inferno: adoito facelo no balbordo dunha redacción.

Onde e como atopas o celme da historias?

O celme venme case que sempre dalgún soño. Adoito apuntar os meus soños (teño un blog específico seishoras.canalblog.com) e, coas imaxes que lembro, vou tirando do fío ata que sae a historia. Os soños non deixan de ser o anverso da realidade.

Tes o remate da historia dende o comezo?

Teño, si. Hai que dedicarlle o mínimo tempo posible ao feito físico de escribir. Cando empezo unha novela é porque a teño definida escea a escea. Traballo con tratamentos, coma nos guións de cinema.

Corrixes a medida que escribes ou o deixas ao final?

Fago borradores consecutivos. Escribo unha primeira versión duns corenta folios e logo vou traballando unha e outra volta por riba dela.

Dás o texto a alguén para lelo? Cando?

Eu dou, e daría máis, pero teño máis novelas ca amigos. Sempre procuro que alguén lea as novelas a medio facer. Logo está unha opinión, que para min é determinante, que é a do meu editor.

Soñas coa historias que estás a escribir? Levala na cabeza o resto da xornada cando fas outras cousas?

Eu soño con loiras platino e gángsters con traxe cruzado, que son os soños máis bonitos que pode ter un. Xa digo que procuro perder o menor tempo posible no feito físico de escribir, polo que adoito aproveitar a miña hora diaria de correr, andar e bici ou nadar para darlle voltas ás novelas e aos artigos.

Um comentário:

Frieira disse...

aure comenta a foto nesta anotación do seu http://cabaretvoltaire.canalblog.com/archives/2008/12/22/11840399.html#comments